jueves, 17 de febrero de 2011

V XORNADAS DE AGROECOLOXÍA DE OURENSE

Amigos da Terra, A Esmorga, Semente, Sem um cam e Verdegaia organizan as V Xornadas de Agroecoloxía
Escrito por Angel Dorrio
Martes, 15 Febreiro 2011 21:24


As V Xornadas de Agroecoloxía de Ourense mostran a consolidación dos proxectos sociais, culturais e ecoloxistas que se levan a cabo na cidade de Ourense.

Amigos da Terra, A Esmorga, Semente, Sem Um Cam e Verdegaia presentan durante case 20 días de festa e reflexión colectiva, o traballo realizado conxuntamente durante os últimos meses para que sexa cada vez mais visible, para que cada ano teñan máis voz, todos aqueles proxectos alternativos centrados no compromiso coa xustiza social e ecolóxica.

Un ano máis, as Xornadas de Agroecoloxía ofrecen achegarnos, se cadra un pouco mais, ao mundo que todos desexamos como noso: un mundo no que actuemos de modo activo contra un modelo de produción agrícola e gandeiro intensivo e aberrante, potenciado por intereses económicos e comerciais insensibles a calquera consideración coa saúde pública, do benestar animal, de respecto ao medio natural e as culturas labregas.

A agroecoloxia fronte á crise capitalista

Pensamos que a Agroecoloxía é unha ferramenta imprescindible nos momentos que estamos a vivir. Diversas son as crises que se nos veñen enriba -económica, social, política, alimentaria, ambiental, entre outras- todas elas causadas polo modelo depredador que constitúe o capitalismo vixente, e cuxas receitas máis agresivas (privatización dos recursos, dos servizos e mesmo dos dereitos, fin dos estado do Benestar, libre mercado global, especulación cos alimentos...) nos presentan, paradoxicamente, como única solución posible aos problemas que estas mesmas crean. Destes problemas que se crean nos diversos ámbitos, falaremos durante as diversas actividades das xornadas e ademais diso, tentaremos contrapor as alternativas que a agroecoloxía presentan tanto desde o ámbito da análise "teórico" como desde experiencias prácticas.

Falaremos de economía, de xénero, de transxénicos, xestión de recursos, consumo responsable, finanzas éticas; coñeceremos e visitaremos proxectos agroecolóxicos, ou intercambiaremos sementes entre outras actividades.

Retomando o modelo financieiro das anteriores edicións das Xornadas, dende a organización optamos por un evento autoxestionado, que se sustente a través das aportacións individuais nas diferentes actividades lúdicas que se organizan, ademais da colaboración artística de destacadas figuras culturais galegas. Este compromiso de autoxestión constitúe unha aposta pola independencia e o fortalecemento das redes sociais como voceiro da cidadanía.

PROGRAMA:
V XORNADAS DE AGROECOLOXÍA DE OURENSE

Do 17 de febreiro ao 4 de marzo de 2011
Martes 15 de febreiro: Presentación das Xornadas. Lugar: Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro 27, ás 11:30 horas.

Xoves 17 de febreiro: "Mulleres e medio rural". Compartiremos unha xornada de compromiso con o agro e o feminismo ao calor de dúas impresionantes mulleres, rebeldes incombustíbeis, coidadoras do público e do privado, da terra, o traballo, a saúde e a xustiza. Participan: Tareixa Ledo e Lidia Senra. Lugar: Centro Social Sem Um Cam (rúa do Vilar, 9), ás 20:00 horas.

Venres 18 de febreiro: "Decrecemento". Tentaremos desmontar a falacia que asocia Crecemento Económico con benestar, servizos sociais, calidade de vida... O decrecemento, non só como teoría filosófica senón tamén como modo de vida, vira as costas ao capitalismo na procura de outros mundos posibles, no camiño da xustiza social e ecolóxica. Participa: Carlos Taibo. Lugar: Centro Social A Esmorga (rúa Telleira, 9), ás 20:00 horas.

Sábado 19 de febreiro: Banco de sementes. Mercadiño de troco de sementes ecolóxicas. Pretendemos favorecer a recuperación e conservación das variedades tradicionais de plantas que foron mantidas dende sempre polas nosas agricultoras locais. Participan: invitamos a participación de todas as veciñas e veciños. Lugar: Parque novo debaixo da Ponte de Marcelo Macías (Barrio do Polvorín), de 11:00 a 14:00 horas.

Domingo 20 de febreiro: Xantar anti-transxénicos. Como primeiro prato, Charo Sanchez do Sindicato Labrego falaranos da repercusión da introdución dos transxénicos no agro galego e das consecuencias sobre a nosa alimentación. O coloquio desenvolverase ao longo dun xantar cento por cento ecolóxico, onde debateremos sobre as posíbeis receitas para deitar fora das nosas mesas os produtos manipulados xeneticamente. Participa: Charo Sánchez Parga. Lugar: Sem Um Cam, ás 13:30 horas. Inscrición no co-e: informacion@agrourense.infoEste enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Prezo: 5 €.

Martes 22 de febreiro: "A privatización dos recursos: Os exemplos da agua e o solo". Á hora de tomar calquera decisión social, política ou económica que hoxe gobernan o mundo, calquera cousa é susceptible de entrar na categoría de mercadoría. A isto non escapa nada: nin alimentos, nin terra, nin agua nin sequera as persoas. Nesta xornada os compañeiros do SLG falaranos da nova lei de aguas da Xunta, da nova lei do solo e das Directrices de Ordenación do Territorio que supoñen a privatización da agua e a desprotección absoluta dos solos agrícolas. Participa: Manuel Docampo, membro da executiva nacional do Sindicato Labrego Galego. Lugar: A Esmorga Centro Social (Rua Telheira 9 Zona Universitaria), ás 20:00 horas.

Mércores 23 de febreiro: "Unha visión crítica do consumo responsable". Da man deste entrañable economista ourensán, revisaremos o ideario que latexa en moitos dos nosos movementos sociais seguindo a liña de análise da Economía Crítica. Participa: José Iglesias. Lugar: Facultade de Ferro (aula 0.3), Campus Universitario de Ourense, ás 20:00 horas.

Venres 25 de febreiro: Visita guiada a un hipermercado. O hipermercado, fiel representante da sociedade de consumo actual, tamén o é da exclusión e insostibilidade que caracteriza a globalización económica. Detrás de prezos contidos e unha suposta grande variedade de mercadorías agóchase moito máis que o acceso a unha alimentación suficiente e saudable. Máis ben o contrario, a concentración da distribución nas multinacionais promove tamén a globalización da agricultura no Mundo, provocando o uso irresponsable dos recursos e atentando gravemente contra a seguridade e soberanía alimentaria dos labregos e traballadores, así como a dos propios consumidores. Lugar: Estatua Carrabouxo (Parque de San Lázaro), ás 19:00 horas.
Agri – CULTURA: Actividades Culturais. Concerto musical de Ugía Pedreira + Fred Martins, Sacha na Horta e Tristteto, que colaboran de forma altruísta en apoio das Xornadas de Agroecoloxía. Lugar: Café Auriense, Praza do Correxidor, ás 22:00 horas. Prezo: 5 €.

Sábado 26 de febreiro: Visita a fundación Galicia Verde. Ubicada no concello de Forcarei a entidade ten como fins, entre outros, os de promover o cambio social e a sustentabilidade no medio rural, así como a concienciación e a denuncia dos graves problemas que afectan ao medio natural. Un proxecto transformador que parte da iniciativa de particulares sensibilizadas coa crise social e ambiental que estamos a vivir. Saída: quedada na rotonda do afiador (no lateral do Edificio Politécnico da Universidade, ao lado da estrada que vai a Castro Caldelas), ás 9:30 horas. Inscrición no co-e: informacion@agrourense.infoEste enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo (avisar de se dispón de coche).

Martes 1 de marzo: "Finanzas éticas". Existe a economía transparente e solidaria. Diversas propostas económicas de ámbito galego posibilitan incidir social, cultural e ecolóxicamente no noso entorno. Mostrarán que non se financiará á industria armamentística, á especulación e á destrución do planeta. Non cos nosos cartos. Participan: Fiare, Coop57 e O Peto Lugar: Café Grándola (praza de San Marcial), ás 20:00 horas

Venres 4 de marzo: Reunión da Rede Galega de Consumo Responsable. Galiza continúa coa súa escalada de colectivos de diversa índole que apostan por traballar por unha cultura de consumo consciente e responsable. Situándose na realidade social e económica da Galiza do século XXI, podemos camiñar sendo conscientes das nosas decisións en materia de consumo. Lugar: Casa da Xuventude (rúa Celso Emilio Ferreiro, 27), ás 17:00 horas.

1 comentario: