O Concello de Ourense, consciente da importancia que a Diversidade Biolóxica ten para o mantemento das nosas condicións de vida e das futuras xeracións, promove o programa VIVE OURENSE VIVO! co propósito de coñecer, divulgar, protexer e facer partícipe á poboación da riqueza natural que nos rodea.
Cantas especies pensas que comparten contigo o territorio no que vives?, que valor ecolóxico teñen?, por que é importante para ti protexelas?, en que podes axudar?... Asegurámosvos que vos sorprenderiades ao coñecer a resposta a esta e outras preguntas.
O programa VIVE OURENSE VIVO! pretende axudarche a que sexas ti mesmo o que responda a todas estas preguntas.
¿Por qué vou ter que participar en algo así…?
A biodiversidade non é algo alleo aos seres humanos. Somos parte integrante da rica diversidade da vida e posuímos a capacidade de protexela, tamén de destruíla. A biodiversidade está na base dos bens e servizos que os ecosistemas nos proporcionan. É o sustento da nosa vida e garante o noso benestar.
Dependemos dos devanditos servizos para obter recursos tan necesarios como os alimentos, a maioría dos nosos medicamentos ou as fibras que empregamos para confeccionar a nosa roupa.
Estes procesos asegúrannos, entre outras cousas, unha subministración constante de auga depurada ou de aire respirable e están a cargo da formación dos solos e de todo o ciclo dos nutrintes, tan necesarios para a agricultura. Ademais, a biodiversidade está na base de case a metade da economía mundial, e as medidas encamiñadas á súa conservación e restauración perfílanse xa como algunhas das actividades que máis se desenvolverán e que máis emprego crearán no futuro.
Se todo isto non che soa, aquí tes 31 boas razóns para participar en VIVE OURENSE VIVO!
2010 é o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica. Imos reflexionar sobre os nosos éxitos para salvagardar a diversidade biolóxica e enfocarnos na urxencia do noso reto para o futuro. Agora é o momento de actuar.
A ver, a ver… qué é iso do Ano Internacional da Biodiversidade?
A diversidade biolóxica, ou biodiversidade, é o nome que recibe a diversidade de formas de vida na Terra. Esta combinación de formas de vida e as súas interaccións mutuas e co medio físico fixeron ao planeta axeitado para os seres humanos. Os ecosistemas satisfán as necesidades básicas da vida, ofrecen protección contra os desastres naturais e as enfermidades e constitúen o fundamento das culturas humanas. A Avaliación de Ecosistemas de Milenio, empeño científico no que participaron máis de 1300 expertos que estiveron a traballar en 95 países, confirmou recentemente as inmensas achegas dos ecosistemas naturais á vida e ao benestar dos seres humanos. Non obstante, nestes momentos en que apenas estamos a empezar a comprender a situación na que nos atopamos, estanse a perder con suma rapidez xenes, especies e hábitats.
En 2002, a Conferencia das Partes no Convenio aprobou un Plan Estratéxico, coa misión de "lograr, para o ano 2010, unha redución significativa do ritmo actual de perda da diversidade biolóxica, a nivel mundial, rexional e nacional, como contribución á mitigación da pobreza e en beneficio de todas as formas de vida na Terra.".
Esta meta de 2010 foi subscrita polos Xefes de Estado e de goberno reunidos no Cumio Mundial sobre o Desenvolvemento Sostible en Johannesburgo (Sudáfrica). Recentemente, os líderes mundiais reiteraron no Cumio Mundial das Nacións Unidas de 2005 o seu compromiso de cumprir a meta de 2010.
Chegou a hora de avaliar, aumentar e renovar o noso compromiso coas especies que comparten a nosa vida. É o momento de actuar!.
Se eres dos que pensas que en Ourense só hai pombas e pouco máis…
Trabúcaste.
Sen dúbida o gran protagonista da cidade é o Miño, o gran río de Galicia, que a través dos seus máis de 300 quilómetros baña tres provincias galegas. A forza das súas augas foron creando as terrazas fluviais que configuran o val do Miño (a cidade aséntase nunha delas).
No percorrido polo río atopamos unha gran variedade de vexetación de ribeira que precisa ter as súas raíces preto das augas como os ameneiros (que ademais axudan a reducir os efectos da erosión. Ou o lodoeiro que era moi frecuente antigamente nesta zona. Os salgueiros tamén son abundantes nas marxes do río o mesmo que os freixos. Todos estas árbores cumpren unha función fundamental para axudar a conservar os ríos: as súas raíces fixan as marxes e evitan a erosión; a sombra que ofrecen en verán axuda a regular a temperatura das augas; e ademais serven de despensa e refuxio para moitos animais.
Animais entre os que sobresaen as aves. Como a lavandeira branca ou o paporrubio, máis familiar pois tamén o vemos en parques e xardíns. Ás veces tamén podemos ver garzas reais ou corvos mariños. Mesmo vemos gaivotas buscando restos de todo tipo. Por non deixar de mencionar aves relacionadas coa auga como o pato real, a galiñola ou o somorgullo lavanco.
Esta biodiversidade complétase, como non, cos peixes: troita ou escalo son as variedades que aquí se pescan, aínda que tamén empezan a proliferar outras especies invasoras como o black bass ou a carpa vermella.
Co programa VIVE OURENSE VIVO! convidámoste a que descubras a riqueza natural que te rodea e a que participes do seu coñecemento e conservación.
Só abre os ollos e verás...
VIVE OURENSE VIVO! é un programa de participación pública a través do cal descubriremos todos xuntos a riqueza ambiental que se agocha nas áreas de influencia da cidade de Ourense. A través do programa VIVE OURENSE VIVO! poderemos recoñecer, identificar e comentar as especies que outras persoas van descubrindo. Tamén poderemos publicar avistamentos que realicemos nós, consultar información de referencia, participar en foros relacionados coa biodiversidade, estar ao tanto da programación do concello, e moito máis… Date unha oportunidade. Isto, sen dúbida, é a túa vida. Deféndea e Participa!
Toda a informacion en:http://www.viveourensevivo.org/
A Concellería de Educación tenta fomentar a participación cidadá nos aspectos relacionados co medio ambiente urbano, a través da sensibilización, formación e educación para achegar a poboación en xeral o coñecemento da realidade ambiental, no noso contorno, é un aspecto imprescindible, preténdese ir creando unha maior conciencia ecolóxica capaz de colaborar cos necesarios esforzos que permanentemente hai que realizar para lograr cada día un maior equilibrio medio ambiental.
No hay comentarios:
Publicar un comentario