lunes, 14 de noviembre de 2011

Galiciencia


23, 24 e 25 de novembro

Se as ideas che bulen na cabeza non deixes de ler, sexas estudante ou profesor seguro que che interesa.

Tecnópole conta contigo para celebrar xuntos o sexto aniversario da 'Galiciencia', a feira científica máis grande de Galicia. Estás invitado a participar cun stand propio para compartir con todos o teu talento. Só tes que facer un equipo do que formen parte varios alumnos e un profesor e contarnos a vosa idea en tres folios.

Se resulta seleccionada, disporedes dun stand na 'Galiciencia 2011', onde poderedes dar a coñecer o voso proxecto e entrar en contacto con outras mentes inquietas.

Non importa se es de ciencias ou de letras. En 'Galiciencia' teñen cabida desde proxectos experimentais e tecnolóxicos a traballos documentais.

As bases detalladas están a túa disposición neste documento. Só tes que seguir as instrucións e enviar a túa idea antes do 23 de outubro de 2011.

Programa
Os investigadores e emprendedores do futuro veñen un ano máis a Tecnópole a mostrarnos os seus proxectos innovadores. Estudantes de Secundaria e de FP de toda Galicia e doutros puntos de España explicarán dende os seus stands ideas de novos produtos e servizos para o mercado e investigacións en diversas áreas de coñecemento.

Como xa vén sendo habitual e para que os nosos visitantes teñan ocasión de aprender cousas novas, sumámonos á conmemoración que cada ano se fai de diferentes áreas de coñecemento. Por este motivo, nesta edición haberá talleres temáticos relacionados coa celebración do Ano Internacional da Química e do Ano Internacional dos Bosques.

TALLER "OS BOSQUES"
Este taller divídese en dúas partes, unha de carácter práctico e outra teórica. Coñeceremos de forma amena as principais características dos bosques galegos e a súa evolución ao longo da historia, prestando especial atención ao bosque autóctono e a súa estrutura a nivel de ecosistema. Posteriormente estudaremos os incendios forestais e os seus efectos sobre o noso ámbito, realizando algunha pequena experiencia na que compararemos as características físico-químicas de chans de bosque queimados e dun ecosistema san.

Na parte práctica, coñeceremos de primeira man como traballan os equipos de extinción de incendios forestais e as técnicas que utilizan co fin de preservar un ben tan prezado como os bosques, para o que contaremos coa colaboración especial dunha das empresas de Tecnópole, Salvacon, especializada neste tipo de tarefas.

Duración: 60 minutos por grupo.
Público: Alumnos de Secundaria/FP.

TALLER QUÍMICA
O taller recolle un conxunto de experiencias relacionadas coa química. Realízanse unha serie "trucos de maxia", que en realidade ocultan fascinantes fenómenos químicos. Mediante este espectáculo, iremos coñecendo aspectos relevantes desta sorprendente ciencia chamada química.

Tras cada experiencia, explicarase aos asistentes as razóns científicas do fenómeno observado (as explicacións adáptanse aos niveis dos grupos).

Algunhas das experiencias que se levarán a cabo:

Apagar candeas con fluídos invisibles.
Quentar con lume globos e que non exploten.
Crear unha lanterna cun lapis.
¿Sangue e auga osixenada son un explosivo?
Reaccións oscilantes ou cando as cousas cambian de cor cando queren.
Maxia química, ou como ao encher un vaso de auga e xiralo esta non cae.
Conxelar auga coa mente...y a química.
Duración: 50 minutos
Público: Alumnos de Secundaria/FP.

TALLER "TERMALISMO"
Dende tempo inmemorial Ourense estivo relacionado co termalismo.

A nosa proposta é realizar unha aproximación científica ás augas termais. O taller, de carácter eminentemente práctico permitirá aos asistentes coñecer a historia e orixe das augas termais e realizar distintas análises e experiencias que nos axudarán a afondar no seu coñecemento.

Contenidos do taller:

Xeoloxía das augas termais de Ourense.
Historia do termalismo local.
Características organolépticas das augas termais (realizaremos unha cata de distintos tipos de augas, tanto termais como de consumo e comentaremos os resultados).
Análise de distintas mostras para a súa clasificación como augas termais.
Os fenómenos de osmose. Comprobación experimental.
O termalismo na actualidade.
Duración: 50 minutos.
Público: Alumnos de Secundaria/FP.

PLANETARIO
O espazo de planetario Sphera e o seu sistema de proxección dixital esférico permitiranos levar a cabo sesións de planetario nas que se combinarán dous tipos de contidos relacionados co espazo.

Na primeira parte explicaranse conceptos básicos sobre a observación do firmamento (conceptos de estrela, planeta, constelación, etc.) e as características do ceo que podemos observar en Galicia ao longo do ano, poñendo especial énfase no característico do outono.

Na segunda parte proxectarase unha película inmersiva en formato 'fulldome' (cobre a totalidade do planetario) que nos explicará como se adestran os astronautas e os riscos que entraña viaxar ao espazo.

A totalidade da actividade terá unha duración aproximada duns 50 minutos.

Duración: 50 minutos.
Público: Alumnos de Primaria.

CIENCIA Y CINEMA
O mundo do cinema é un mundo misterioso e máxico onde reinan a fantasía e a imaxinación. Todos gozamos somerxéndonos en mundos fantásticos e fixémonos preguntas como ¿ten base científica o que vemos nas películas?, ¿cales son as técnicas que permiten crear animais xigantescos e ataques extraterrestres?, ¿por que os extraterrestres sempre nos queren exterminar se non lles fixemos nada?

Durante a actividade veremos fragmentos de películas que forman parte de noso imaxinario colectivo (Tiburón, Starwars, Mars Attack...) e analizaremos a súa base científica levando a cabo experiencias nas que comprobaremos se se axusta á realidade o que nos propón o cinema e descubrindo as técnicas que permiten á industria cinematográfica crear universos imposibles.

Duración: 50 minutos.
Público: Sesión no Salón de actos. Público en xeral.

EXTRA, EXTRA!
Galiciencia terá por primeira vez a súa revista oficial. Os proxectos e os seus promotores, as actividades paralelas, as impresións dos asistentes e todo o que suceda a maiores durante a celebración da feira será plasmado en papel para que participantes e visitantes poidan levar un relato profesional do que viviron.

Os xornalistas que elaborarán esta revista serán alumnos de Secundaria que previamente serán formados como reporteiros científicos. Uns redactarán reportaxes, outros farán entrevistas e enquisas, outros serán fotógrafos... pero todos participarán, dende a redacción que instalaremos en Tecnópole durante a celebración de Galiciencia, na edición da que será a primeira revista oficial do evento.

GUIÑOS TECNOLÓXICOS PARA MENTES INQUIETAS
En Galiciencia tamén se busca que os máis novos se familiaricen coas últimas tecnoloxías e vexan aplicacións prácticas experimentando con elas.

Para logralo, en primeiro lugar usaremos os códigos BIDI. Os móbiles actuais de tipo smartphone poden ler o que se coñece como códigos BIDI. Estas imaxes formadas por cadradiños permiten almacenar textos ocultos que se visualizan ao enfocalos coas cámaras dos móbiles que leven incorporados lectores deste tipo de códigos.

Durante a Galiciencia cada día colocaremos un conxunto de imaxes BIDI distribuídas polas instalacións e que ocultarán unha serie de pistas para realizar un descubrimento. Será unha ginkana tecnolóxica co desafío de chegar ao final do xogo de primeiros.

Ademais, á entrada da carpa colocaranse dispositivos que permitirán o achegamento dos visitantes á coñecida como Realidade Aumentada (Augmented Reality), que nos permite mostrar imaxes tridimensionais ao situar un debuxo ante unha cámara.

¿Cando e Onde?
Días 23, 24 y 25 de novembro.
No Edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole)
San Cibrao das Viñas, 32900. Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario